Tuesday 14 de May de 2024

Inés Rey insta a Xunta a “tomar boa nota e exemplo do que se fai noutras administracións con vontade e axilidade”


A hostalaría e as axencias de viaxe coruñesas poderanlle solicitar axudas  de 1.500 euros á Deputación, compatibles coas doutras administracións

A alcaldesa, Inés Rey, instou a Xunta de Galicia a “tomar exemplo do que se fai noutras administracións con vontade e axilidade”, durante a presentación do PEL-Reactiva 2 da Deputación polo cal os pequenos negocios de hostalaría e axencias de viaxes da cidade poderán solicitar a partir do 24 de maio as axudas directas compatibles coas doutras administracións. A rexedora reuniuse está mañá co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e cos alcaldes de Santiago e Ferrol, Xosé Sánchez Bugallo e Ángel Mato para concretar de maneira conxunta esta nova liña de axudas.

Tras a xuntanza, a alcaldesa agradeceulle á Deputación “que escoitase os alcaldes das tres grandes cidades da provincia e que unha vez máis lles dea unha resposta rápida e áxil ás necesidades da cidadanía”. Neste caso, apuntou Rey, continuamos axudándolles aos sectores máis golpeados pola crise da Covid, como son a hostalaría, a hospedaxe e as axencias de viaxe. A alcaldesa sinalou que o plan de axudas Reactiva 2 complementa os que os concellos están a desenvolver; no caso da Coruña a través do PRESCO cunha achega de 14,4 millóns de euros: “fomos a primeira Administración que lles outorgou
axudas directas aos sectores que peor o estaban a pasar pola pandemia”.

A rexedora tamén puxo en valor a axilidade administrativa da Deputación para reactivar un sector moi danado “nun momento en que as achegas teñen que chegar, pero teñen que facelo rápido para lograr un maior efecto”. Para iso, desde o Concello farase un labor informativo desde as distintas concellerías competentes para dar a coñecer as novas axudas.

Deste xeito, a Deputación estende o seu programa ás tres cidades co obxectivo de que os 9 millóns de euros en axudas directas que pon a dispor da hostalaría e as axencias de viaxe da provincia poidan chegar ao maior número de beneficiarios e coa maior axilidade posible.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que e o tempo medio de pago “está a supoñer un fito histórico para a Administración provincial, xa que por primeira vez se están pagando subvencións no mesmo día en que se solicitan, sendo o tempo mínimo de 7 horas e o máximo de 3,5 días”.

A presentación de solicitudes permanece aberta e realízase de xeito integramente telemático a través da plataforma SUBTEL (https://sede.dacoruna.gal/subtel/ ).